O son da criba

A criba é unha ferramenta que antigamente se utilizaba moito para limpar certas sementes, como o trigo, o centeo ou o millo, separándoas das impurezas (palla, po, etc.), e coa que xa os nosos devanceiros facían música.

Está formada por un aro ancho de madeira, cun fondo de pel seca ou curtida, cheo de buratos do tamaño axeitado para que pasen as diferentes sementes.

A propia tarefa, que consistía en movementos circulares e de vaivén para separar as impurezas do gran, producía un son que servía facilmente para acompañar os cantos, facendo así o traballo máis levadeiro.

Outra das formas de tocar musicalmente a criba consistía en sosterna cunha man, a modo de pandeireta, e golpear co dorso da outra sobre o coiro. Deste xeito, o son era máis forte e podía mesmo acompañar outros instrumentos melódicos, como a frauta ou a gaita.

En particular, en A Seara do Courel aínda se atopan moitos exemplos do uso das cribas. Nesta aldea aínda pervive a memoria do proceso de elaboración do pan e conta cun patrimonio material composto por numerosas eiras, limpadoiros, muíños e fornos.

Imagen de instrumento musical antiguo.
Ir o contido