Xavier Blanco
Herdeiro da sabedoría da saga familiar dos "Soledás", dende neno leva aprendendo e impregnándose do noso folclore, asumindo a responsabilidade de recoller e difundir estes coñecementos para manter a nosa identidade.
Leva máis de 40 anos percorrendo diferentes vilas e parroquias de Galicia gravando e catalogando todo tipo de documentación relacionada coa nosa cultura tradicional.
Conta cun amplo arquivo sonoro, recollido a través dos traballos de campo ás persoas portadoras da nosa música de raíz, transmitida de xeración en xeración a través da oralidade. Ten recollidos numerosos bailes tradicionais que, hoxe en día, xa se atopan esquecidos: paso redondo, tras-tras, canizo, cana verde, para atrás, remanga, baile mouro, ganchete, cabeceiro.
Posúe unha colección de máis de 900 instrumentos tradicionais galegos. Todos eles clasificados seguindo as súas características físicas, tímbricas e funcionais: Asubíos e chamos; cantores; toques e pequenas percusións; resonos e folla de lata; cordeiras; instrumentos pobres (útiles relacionados cos labores e faenas) e instrumentos comúns.
Na súa faceta como artesán constrúe e restaura os instrumentos que compoñen a colección empregando técnicas ancestrais, aprendidas da sabedoría popular, facendo uso de materias naturais e respectuosas coa contorna e medio ambiente.
A súa discografía componse de 5 traballos: A gaita de cana de Moaña, Instrumentos Pobres, Gaitas troncais, Lei Natural, Fun ó canaval.
Conta con 3 documentais Lei Natural, Fun O Canaval e Os Botiforas e dous programas da CRTVG, "Alalá nº 22" e "Alalá nº 195" e varias intervencións no programa “No bico un cantar”.
Premios destacados: XIX Edición do Premio "IAR" de Folclore Galego; Distinguido como Mestre da Memoria pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.
Noso Equipo:
Segundo Grandío. Músico e produtor galego. Baixista da banda viguesa Siniestro Total entre os anos 1988 e 2002. En 1999 creou o estudio Casa de Tolos situado en Mañufe, Gondomar e no ano 2003 fundou o selo PAI Música. En 2018 Grandío lanzou unha plataforma de streaming de concertos en vivo e documentais musicais chamada Tolemias TV.
Alberto Currás Piñeiro. Avogado, conta con 22 anos de experiencia como letrado en activo. Conta cunha dilatada carreira musical como director da Banda de Música de Moaña e director da Escola de Música Municipal de Moaña, actualmente e director do Coro de Ilustre Colexio de avogados de Pontevedra. Ademais foi Concelleiro de Cultura no Concello de Moaña.
María Cordeiro Baqueiro. Experta en Protección do Patrimonio, Xestora Cultural e Conservadora e Restauradora de Bens Culturais. Durante 9 anos foi Directora de conservación e restauración no Proxecto Arqueolóxico de Calakmul (México) e dirixiu o Proxecto de Investigación Cultural para o desenvolvemento sustentable na reserva da biosfera de Calakmul. Publicou varios artigos e presentou diversas conferencias.
Martina Ferradás Martínez. Técnica en Xestión. Experta en dirección e coordinación de proxectos e xestión económica, envellecemento e demencias, leva máis de 20 anos sendo un referente social na Comarca do Morrazo. Ligada ao mundo do folclore dende ben nena, baila e toca múltiples instrumentos: gaita, pandeireta, tambor, pandeiro e instrumentos de música de raíz.
Rocío Romero Rouco. Psicóloga. Experta en xestión de redes sociais e redacción de contidos, conta con competencias en deseño gráfico, coordinación de equipos de traballo e igualdade e inclusión laboral.
Padroado
Segundo a UNESCO Patrimonio Inmaterial refírese á transmisión entre xeracións das crenzas, tradicións, coñecementos e costumes propias dunha comunidade ou pobo. Como ferramenta de transmisión de identidade e cohesión social, este patrimonio cultural inmaterial tamén debe ser protexido, posto en valor e promovido. Así, o obxecto principal que ten a Fundación Legar consiste en difundir e promover a preservación, conservación, mellora, protección, vixilancia e desenvolvemento da música de raíz.