A criba é un útil que foi moi empregado antigamente para cribar certas sementes, como o trigo, centeo, millo, etc., limpándoas de particulas de desfeito (palla, po...), e coa cal xa os nosos e nosas antepasadas facían música.
Está formada por un aro ancho de madeira, con un fondo de pel secada ou curtida, chea de furados do tamaño axeitado para que se colen as diferentes sementes.
A propia faina que consistía en movementos circulares e de abandoxado para separar as impurezas do gran, producía un son doado para acompañar as cantigas, e dese xeito facer o labor máis levadeiro.
Aínda que existen moitas hipóteses sobre a súa orixe, unha das máis empregadas fala de cando xurden os primeiros rituais que teñen que ver coa recolección.
A xesta é a pranta silvestre por excelencia que simboliza o maio. Antigamente collíanse no monte e pendurábanse na roupa ou cubrindo o corpo, nos carros, casas e incluso se adornaban os camiños máis transitados. Desta tradición primixenia destaca o "maio humán", que percorría os pobos e vilas para anunciar o maio.
Actualmente desenvólvese na época da exaltación das flores durante a estación primaveral. O máis común é celebralo arredor do primeiro de maio.
Aínda que tamén existen outras variedades coma o "maio figurado" ou o "maio maiolo", a expresión máis común e arraigada é a do "maio de palleiro".
Ata fai uns anos, estas expresións artísticas facían que se xuntaran os nenos e as nenas para compoñer as coplas e armar as figuras co fin de percorrer os diferentes eirados do pobo e representalos o día primeiro de maio. As coplas describían normalmente o proceso de construcción do maio e outros sucesos e anécdotas ocorridas a nivel local nacional e incluso estatal.
Neste canzorro, que se atopa na fachada sur da igrexa de San Martiño de Moaña (S. XII), aparece representado un tipo de aerófono, o DOLIO, que durante o románico tivo un uso habitual no Camiño Francés de Santiago, especialmente en Galiza. Das doce representacións atopadas, oito están repartidas polas catro provincias galegas.
Faustino Porras Robles na súa tese titulada "Los Instrumentos Musicales en el Románico Jacobeo" propón, pola súa semellanza co tonel, a denominación latina DOLIO.
Trátase dun pipote, supostamente de madeira, reforzado con aros laterais e unha embocadura en forma de pico que podería ser para soprar facendo bisel cos labios, ou ben para facer de aeroducto conducindo o ar hacia un bisel armado na unión do pico co tonel. De ambalas dúas posibilidades atopamos exemplos en miniatura na familia dos asubíos catalogados como Instrumentos Pobres. Un exemplo claro destes pequenos instrumentos con bisel , coñecidos en Moaña como "pipas", consiste en soprar por un tubiño de cana ou sabugueiro sobre o furado perforado dun tutelo groso de cana, avelá, concho ou bugallo entre outros. No outro exemplo de soprado facendo bisel cos labios atopamos as cabazas, tutelos, ou siringas.
Este acontecemento consistía básicamente en organizar unha comilona a base de galo ou galiña co fin de que a mocidade se xuntara a carón dunha mesa, baixo o modelo social de peña, pandiña, etc.
A denominación posiblemente proceda dunha verba do latín "gallioffa" (comida de galo), aplicado ás e aos pelegríns que viñan a Compostela, coñecida tamén como bocado dos pelegríns.
O grupo que o levaba a cabo era de amigos e amigas, moitas veces por parellas. A persoa que estaba ao frente da organización era designada coma "patrón" ou "patroa" e o resto como gallofeiros e gallofeiras.
Xa sentados e sentadas na mesa, a cabeceira era para o patrón ou patroa que dirixía e animaba a cuchipanda con cantigas e contos nun ambiente sociabilizador .