Este acontecemento consistía básicamente en organizar unha comilona a base de galo ou galiña co fin de que a mocidade se xuntara a carón dunha mesa, baixo o modelo social de peña, pandiña, etc.
A denominación posiblemente proceda dunha verba do latín "gallioffa" (comida de galo), aplicado ás e aos pelegríns que viñan a Compostela, coñecida tamén como bocado dos pelegríns.
O grupo que o levaba a cabo era de amigos e amigas, moitas veces por parellas. A persoa que estaba ao frente da organización era designada coma "patrón" ou "patroa" e o resto como gallofeiros e gallofeiras.
Xa sentados e sentadas na mesa, a cabeceira era para o patrón ou patroa que dirixía e animaba a cuchipanda con cantigas e contos nun ambiente sociabilizador .
No Morrazo, sobre todo en Domaio onde empregan tamén "gallifa" ou en Bueu "gallufa", aínda se conserva esta terminoloxía aplicada sobre todo aos nenos e nenas rexoubeiras, contistas, simpáticas, trapalleiras ou con descaro, que posiblemente fora adoutada da antiga tradición de furtar un galo no galiñeiro dun eido de confianza, de familiares ou amigos para organizar un banquete menor nun ambiente de broma.
Cantiga "A papada do patrón" con Gaita de cana de Moaña