Neste canzorro, que se atopa na fachada sur da igrexa de San Martiño de Moaña (S. XII), aparece representado un tipo de aerófono, o DOLIO, que durante o románico tivo un uso habitual no Camiño Francés de Santiago, especialmente en Galiza. Das doce representacións atopadas, oito están repartidas polas catro provincias galegas.
Faustino Porras Robles na súa tese titulada "Los Instrumentos Musicales en el Románico Jacobeo" propón, pola súa semellanza co tonel, a denominación latina DOLIO.
Trátase dun pipote, supostamente de madeira, reforzado con aros laterais e unha embocadura en forma de pico que podería ser para soprar facendo bisel cos labios, ou ben para facer de aeroducto conducindo o ar hacia un bisel armado na unión do pico co tonel. De ambalas dúas posibilidades atopamos exemplos en miniatura na familia dos asubíos catalogados como Instrumentos Pobres. Un exemplo claro destes pequenos instrumentos con bisel , coñecidos en Moaña como "pipas", consiste en soprar por un tubiño de cana ou sabugueiro sobre o furado perforado dun tutelo groso de cana, avelá, concho ou bugallo entre outros. No outro exemplo de soprado facendo bisel cos labios atopamos as cabazas, tutelos, ou siringas.
Este Dolio de Moaña en particular está formado por un corpo de gran tamaño, ao parecer o máis grande de todos os catalogados, que aparece apoiado sobre as pernas do músico. Atópase en mal estado de conservación, moi afectado polo efecto da erosión.
Aínda que nun principio había unha crenza xeralizada de que esta representación trataba dunha persoa bebendo dun pipote de viño, simbolizando a embriaguez, hoxe cremos que se trata dun gran silbato, un aerófono, baseándonos entre outras moitas cousas, en que non resulta normal un pipote cun pico para beber, ou que o tamaño da maior parte dos pipotes representados sexa tan pequeno que non tería sentido como pipote. Ademáis nalgún dos casos podese ver con claridade como o músico está en actitude de soprar e non de beber. Tamén hai que ter en conta a relación con outras representacións figurativas nas que útiles como cabazas aparecen nas mans de músicos, moitas veces incluso en actitude de tocar, moi parecida aos casos do Dolio.
En canto ao son, estou dacordo co autor da tese en que non se pode saber con certeza absoluta de cal era a súa sonoridade, pero pódese intuír que emitía unha única nota de ton grave, que podería ter sido empregada a modo de bordón ou nota pedal para ornamentar as melodías realizadas por outros cordófonos e aerófonos cos que habitualmente aparece representado, como sucede na igrexa de San Martiño de Moaña, na que ademais do Dolio, tamén están representadas as figuras de dous músicos tocando a fídula e unha parella tocando con aerófonos.
Outras hipóteses sosteñen que tamén pudo ser empregado para dar o ton de base sobre as que se apoiarían as cantigas litúrxicas , considerada unha técnica primitiva moi empregada nos cantos arcaicos de xuntanza, rezos e plegarias rituais.
Compre reflexionar sobre esta parte do noso patrimonio cultural tan ignorada. Necesitamos recuperar e animar o interese do observador/a por estas mostras do románico popular. O conxunto figurativo da igrexa de San Martiño contén moita información da vida cotiá da nosa Idade Media e en particular da práctica musical deste período histórico.