A criba é un útil que foi moi empregado antigamente para cribar certas sementes, como o trigo, centeo, millo, etc., limpándoas de particulas de desfeito (palla, po...), e coa cal xa os nosos e nosas antepasadas facían música.
Está formada por un aro ancho de madeira, con un fondo de pel secada ou curtida, chea de furados do tamaño axeitado para que se colen as diferentes sementes.
A propia faina que consistía en movementos circulares e de abandoxado para separar as impurezas do gran, producía un son doado para acompañar as cantigas, e dese xeito facer o labor máis levadeiro.
Outra das formas de tanxer musicalmente a criba, era agarrándoa cunha man a xeito de pandeira e batendo co reverso da outra sobre o coiro. Desta maneira o son era máis forte e podía incluso acompañar a outros instrumentos melódicos coma a frauta, gaita. etc.
Particularmente na Seara do courel aínda se atopan moitas mostras do emprego das cribas. Nesta aldea aínda pervive na súa memoria o proceso productivo do pan e conta con un patrimonio material composto por numerosas airas, alimpadoiro, muíños e fornos.